XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALEO ASISTIDO E ABRE PROCESO PARA QUE SE ADHIRAN AS ENTIDADES COLABORADORAS

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IF319A e IF319B)

Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

As actuacións que se subvencionan son a adquisición bicicletas novas con pedaleo asistido en establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Bicicleta con pedaleo asistido, nova, equipada cun motor eléctrico auxiliar, de potencia nominal continua máxima inferior ou igual a 250 W, cuxa potencia diminúa progresivamente e que finalmente se interrompa antes de que a velocidade do vehículo alcance o 25 km/h ou se o ciclista deixa de pedalear (pregables incluídas).

2. Batería de litio, con capacidade igual ou superior a 248 wh (vatios/hora).

3. Cadro ríxido (sen dobre suspensión).

4. Luz traseira e dianteira.

5. Gardabarros dianteiro e traseiro completo, ambos de serie.

6. Pata de cabra ou cabalete.

7. Cumprimento de Norma UNE-EN 15194:2018. Ciclos con asistencia eléctrica. Bicicletas EPAC.

Contía máxima das axudas:

Beneficiario/a xeral: 500 EUROS

Beneficiario/a integrante dunha familia numerosa: 600 EUROS

Beneficiario/a integrante familia numerosa con categoría especial: 700 EUROS

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para un beneficiario/a xeral, do 60 % para beneficiarios/as integrantes dunha familia numerosa e do 70 % para beneficiarios/as integrantes dunha familia numerosa con categoría especial.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de agosto de 2022, ás 10.00 horas, e finalizará o 15 de novembro de 2022 ou cando se esgoten os fondos.

QUEN PODE SER ENTIDADE COLABORADORA?

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún establecemento comercial aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Así, poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais abertos ao público na Comunidade Autónoma de Galicia que se dediquen de forma total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado por Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro:

– Epígrafe 654.1: comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

– Epígrafe 659.6: venda polo miúdo de artigos de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas, calzado e tocado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

– Epígrafe 661.1: comercio en grandes almacéns, que ofrecen unha variedade ampla e, en xeral, profunda, de varias gamas de produtos.

– Epígrafe 661.2: comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.

– Epígrafe 661.3: comercio en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

– Epígrafe 661.9: outro comercio mixto ou integrado en grandes superficies, entendendo por tal o realizado de forma especializada en establecementos cunha superficie útil para a exposición e venda ao público igual ou superior ao 2.500 m² de produtos, tales como os relacionados coa bricolaxe e o equipamento do fogar, mobiliario para o fogar e a oficina, artigos electrónicos e electrodomésticos, artigos para o automóbil, artigos para o deporte ou outros.

– Epígrafe 662.1: comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.

– Epígrafe 662.2: comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

As solicitudes de adhesión (código de procedemento IF319A) serán presentadas pola entidade colaboradora obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede. xunta.gal), ou, directamente, na URL: https://ebici.xunta.gal

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde e finalizará o 31 de agosto de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220715/AnuncioG0533-120722-0001_gl.pdf