Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300F).
Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.
b) Proxectos individuais en que unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.
As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b) das bases reguladoras. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que terá que estar constituída, polo menos, por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 8 de setembro de 2022.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220728/AnuncioO92-180722-0003_gl.pdf