Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207N).
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as persoas físicas (autónomos) e as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Estas entidades deberán desenvolver a súa actividade principal de xeito habitual en Galicia e nalgunha das epígrafes da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009) que se establecen nas bases, e o investimento realizado obxecto da subvención ten que estar localizado nun centro de traballo en Galicia así como cumprir as condicións e os requisitos que estas determinan.
Os proxectos de investimento obxecto de subvención deberán ter importe total mínimo de 25.000 euros (sen IVE).
1. O importe máximo da axuda será de 100.000 euros, impostos recuperables excluídos.
2. A intensidade máxima da axuda que perciban as persoas beneficiarias é do 80 % do gasto subvencionable.
Serán obxecto de subvención aqueles proxectos de investimento en activos fixos vinculados á actividade produtiva das empresas da industria cultural e creativa, con especial atención á dixitalización, innovación, xeración de novos públicos e incremento da eficiencia enerxética e sustentabilidade ambiental.
As accións elixibles que se financiarán a través desta liña de axudas son:
• Adquisición de equipamentos e doutros activos fixos materiais.
• Adquisición de activos fixos inmateriais, incluíndo licenzas de programas informáticos destinados ao proceso produtivo da empresa pero non á súa renovación.
• Adquisición de servizos Software as a Service (SaaS).
• Adecuación do espazo físico para a colocación dos equipamentos obxecto da subvención.
Os proxectos poderán incluír unha ou varias tipoloxías de accións elixibles. Só se poderá presentar unha solicitude por empresa.
O prazo para a presentación das solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220825/AnuncioG1097-080822-0001_gl.pdf