XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA COMPENSAR OS GASTOS DO SERVIZO DE COMEDOR DAS ESCOLAS INFANTÍS 0-3 DEPENDENTES DE ENTIDADES PRIVADAS

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 7 de novembro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas para compensar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social para o curso 2022/23, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420F)

 Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas ás entidades privadas de iniciativa social titulares das escolas infantís 0-3 anos coa finalidade de bonificar e compensar os gastos derivados da prestación do servizo de comedor aos nenos e nenas como persoas usuarias da escola e do dito servizo durante o curso escolar 2022/23 e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS420F). 

Para os efectos desta orde enténdese por servizo de comedor o prestado ben por persoal do propio centro, ben por persoal alleo a el e contratado con tal fin (servizo de cátering), e que inclúe os alimentos. Só poderá facer uso do servizo de comedor o alumnado usuario do servizo de atención educativa da escola infantil 0-3.

Non será subvencionable o uso do servizo de comedor por días soltos.

A axuda consistirá nunha compensación para sufragar os gastos do uso do servizo de comedor por cada neno ou nena asistente á escola infantil que será a equivalente ao importe que deixaran de aboar as familias nas escolas infantís do sector público autonómico de conformidade co Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro. Subvencionarase un máximo de 11 meses entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023.

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Que fosen beneficiarias das axudas convocadas a través da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A), publicada no Diario Oficial de Galicia nº 7, do 13 de xaneiro de 2021, e non renunciasen á subvención concedida ao abeiro da dita orde.

b) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

c) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que solicita as axudas dispón do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola consellería competente na materia.

d) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas estea aplicando, pola utilización do dito servizo, un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, entón órgano competente na materia.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221117/AnuncioG0657-071122-0006_gl.pdf