XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS PRESTACIÓNS PERIÓDICAS DIRIXIDAS ÁS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2023 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así se exixa pola lexislación vixente, ter permiso de residencia, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais; carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como o grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun abano que vai desde 200 euros/mes ata 800 euros/mes, e ata un máximo de doce mensualidades.

O prazo está permanentemente aberto a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230103/AnuncioG0656-161222-0006_gl.pdf