Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (código de procedemento PR487A).
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas ás entidades a que se refire o número 3 deste artigo, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal (código de procedemento PR487A).
Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia (en diante, entidades), para realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, e traídas de auga veciñais, coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.
A axuda económica que se conceda poderá abranguer a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras (liña 1) e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos (liña 2).
Para os efectos desta orde, considéranse subvencionables os seguintes proxectos:
a. Liña 1: as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.
b. Liña 2: a adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual; e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
En calquera caso, só serán subvencionables os proxectos operativos, é dicir, aqueles que conteñen os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron solicitados.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230117/AnuncioV0654-291222-0007_gl.pdf