DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA AXUDAS PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2023

BASES REGULADORAS DAS SUBVENCIÓNS, EN CONCORRENCIA COMPETITIVA, PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2023

A Deputación de Pontevedra concederá subvencións para a realización de actividades do fomento do turismo con repercusión turística provincial, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.

Poderán solicitar estas subvencións as persoas xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

— Non ter a condición de Administración Pública.

— Carecer de fins de lucro.

— Ter o domicilio social na provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra desta cando a actividade para a que se solicita a subvención teña interese para a provincia.

— Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e coa facenda autonómica da Xunta de Galicia (ATRIGA).

— Non ter débedas coa Deputación de Pontevedra.

— Estar ao corrente do pagamento da Seguridade Social.

— Non estar incursa en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

— Non ter pendente de xustificación subvencións anteriores pagadas anticipadamente pola Deputación de Pontevedra.

Poderán ser obxecto de subvención as actividades de fomento do turismo que teñan como fins, entre outros, os seguintes:

— Promoción e estímulo dun sector turístico competitivo, de calidade, accesible e sustentable

— Promoción dos seguintes recursos turísticos da provincia: a natureza, o medio ambiente e a paisaxe; as festas e tradicións populares; o patrimonio cultural e lingüístico; a gastronomía e a enogastronomía; a saúde, o benestar e o termalismo.

O importe máximo da subvención para cada proxecto non poderá exceder do 70% do seu orzamento e non superará o importe de 5.500,00 euros por proxecto.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2023/01/23/2023004598