XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PROXECTOS DE MELLORA ENERXÉTICA DIRIXIDOS A PERSOAS AUTÓNOMAS E PEMES DO SECTOR SERVIZOS

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023 (código de procedemento IN417Z).

Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

a) Bono asesoramento enerxético: Serán subvencionables:

i) Diagnósticos enerxéticos que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía que evalúe o custo e aforro económico derivado.

ii) Auditorías enerxéticas que, ademais do contido das diagnoses, deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipamentos consumidores, análise termográfica das instalacións, medicións lumínicas,...) e na parte de proposta de mellora deben analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de tele-xestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.

As empresas que realicen os traballos deben estar dadas de alta na «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme», publicada na páxina web do Inega www.inega.gal. Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde a páxina web, o anexo V da presente resolución en calquera momento desde a publicación da presente resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda. A «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme» ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.

b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

c) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar.

Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído.

Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida refírese exclusivamente ás instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público.

Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído.

Tamén serán subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).

g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas que advirtan de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.

2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. 

O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude inclúa exclusivamente o Bono de asesoramento enerxético, o investimento mínimo da solicitude establécese en 200,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo.

Cada solicitude poderá incluír unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das recollidas no artigo 2 destas bases reguladoras.

Excepcionalmente se permitirá a presentación de dúas solicitudes cando unha delas inclúa exclusivamente o Bono de asesoramento enerxético.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009

A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000,00 euros por solicitude.

O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de xuño de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230124/AnuncioG0474-201222-0009_gl.pdf