XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS A EMPRESAS PRIVADAS PARA O FOMENTO DA SUSTENTABILIDADE NO DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE INDUSTRIAL DO SECTOR DOS RECURSOS NATURAIS

VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

ORDE do 31 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento IN308D).

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

a) As empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración (liña 1, liña 2, liña 4 e liña 5)

b) As empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia; quedan expresamente excluídas as empresas sinaladas na epígrafe anterior. En calquera caso, para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE (liña 3).

c) As empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e á explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das actividades, de conformidade coa Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración (liña 4).

Serán subvencionables cinco liñas de actuación:

Liña 1: investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira. En xeral, todos aqueles investimentos destinados a previr ou emendar danos ao contorno físico ou aos recursos naturais e, especialmente, os destinados á mellora da calidade do ambiente atmosférico mediante a redución das emisións de po e ruído.

Liña 2: investimentos destinados a mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde dos postos de traballo nas explotacións mineiras. En xeral, todos aqueles investimentos que actúen sobre os riscos relacionados coa seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía nos postos de traballo e, especialmente, os investimentos destinados á redución da exposición ao po, ao ruído e ás vibracións das persoas traballadoras.

Liña 3: investimentos destinados a mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras en centros de elaboración de rocha ornamental mediante a redución da exposición ao po nos seus postos de traballo.

Liña 4: investimentos destinados á adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética e/ou para a elaboración de auditorías enerxéticas directamente vinculadas aos ditos investimentos nas empresas do sector mineiro, en especial as empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.

Liña 5: investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480:2019 «Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos» e UNE 22470: 2019 «Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores», as cales acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.

.A intensidade máxima da axuda para actuacións das liñas 1, 2, 3 e 5 nesta convocatoria non excederá o 60 % do investimento total subvencionable no caso de pequenas empresas, o 50 % do investimento total subvencionable no caso de medianas empresas e o 40 % do investimento total subvencionable no caso de grandes empresas, cun máximo de subvención de 100.000,00 euros para as liñas 1 e 2, 50.000,00 euros para a liña 3 e 3.000,00 euros para a liña 5. 3.

A intensidade máxima da axuda para actuacións da liña 4 nesta convocatoria non excederá o 50 % do investimento total subvencionable no caso de pequenas empresas, o 40 % do investimento total subvencionable no caso de medianas empresas e o 30 % do investimento total subvencionable no caso de grandes empresas, cun máximo de subvención de 50.000,00 euros para investimentos destinados á adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética, e 1.000,00 euros para levar a cabo auditorías enerxéticas.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230221/AnuncioV0653-070223-0001_gl.pdf