Consellería de Política Social e Xuventude
ORDE do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS614B).
Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:
a) Modalidade de respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
b) Modalidade de respiro en centro de día, nas condicións detalladas no artigo 5.2 para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Modalidade de respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.3, para financiar o gasto nas estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
Requisitos para acceder á subvención
1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención, ou a persoa ou persoas que ela atenda, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:
1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.
3º. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
Ademais, as persoas coidadoras para seren beneficiarias da subvención teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2023.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230418/AnuncioG0657-050423-0001_gl.pdf