INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS NOS CENTROS HISTÓRICOS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos (código de procedemento VI400A).

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

c) Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos: – Que estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, 6 e 7 do artigo 13.ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (DOG núm. 51, do 13 de marzo de 2018). – Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse as vivendas novas, as usadas e as que vaian ser obxecto de rehabilitación. – Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 %, no suposto de dispoñer de garaxe, e nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho. No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2 , e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 %, no suposto de dispoñer de garaxe, e nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da citada solicitude, salvo que a vivenda vaia ser obxecto de rehabilitación. Neste caso deberán empadroarse nela no momento da finalización das citadas obras.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e de 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.

En todo caso, no suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda. As axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, o cal non incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230703/AnuncioC3Q2-220623-0007_gl.pdf