CONVOCATORIA DAS AXUDAS EMPRENDEMENTO PLUS PARA APOIAR O INVESTIMENTO E A CREACIÓN DE EMPREGO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS E AS PEMES (FONDOS FEDER)

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus para apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (apoio ao investimento) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR880B).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións Emprendemento Plus para iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, que na data de presentación de solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de constitución ou alta, así como a data de inicio da súa actividade económica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR880B), a través dos seguintes programas de axudas:

a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento. Este programa ten por obxecto apoiar a continuidade e a consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, mediante o apoio de investimentos realizados nas iniciativas obxecto da axuda, tal e como se describe no artigo 25 da convocatoria.

b) Programa II. Emprendemento Plus Emprego. Este programa ten por obxecto o fomento e a consolidación do emprego por parte de autónomos e pequenas empresas de nova creación (máx. 42 meses) para promover a contratación de persoas desempregadas.

Estes dous programas (investimento e emprego) obxecto da convocatoria, son compatibles entre si, pero para optar ao Programa II Emprendemento Plus Emprego será necesario solicitar a axuda ao investimento establecida no Programa I Emprendemento Plus Investimento.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, as sociedades mercantís, as sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción, centros especiais de emprego, así como entidades sen personalidade xurídica tales como comunidades de bens, sociedades civís, etc., sempre que cumpran a condición de peme segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Para seren beneficiarias deberán cumprirse os dous requisitos seguintes:

a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade que se trate, con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.

b) Que iniciasen a súa actividade económica con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, segundo o descrito no artigo 8.3 da Lei 9/2007, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigacións que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

O prazo para presentar solicitudes de axudas Emprendemento Plus será dun mes contado desde o día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230717/AnuncioG0656-100723-0001_gl.pdf