BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS DO PROGRAMA #DESCUBREGALICIAENOUTONO A TRAVÉS DOS BONOS TURÍSTICOS, SE CONVOCAN PARA O ANO 2023 E SE ABRE O PRAZO PARA A ADHESIÓN DOS ESTABLECEMENTOS DE ALOXAMENTO TURÍSTICO E DAS AXENCIAS DE VIAXES

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar a demanda interna, isto é, de persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, de servizos turísticos prestados na dita comunidade autónoma en períodos de estacionalidade, buscando, con isto, prolongar a actividade e dinamizar a economía e o emprego turístico.

Subvencionaranse os servizos que presten os establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues da Comunidade Autónoma de Galicia consistentes nunha estancia mínima dunha noite nos ditos aloxamentos turísticos. Quedan expresamente fóra do programa as vivendas de uso turístico. Poderán ser tamén obxecto da axuda outros servizos prestados directamente polos mencionados aloxamentos.

Son tamén subvencionables os paquetes turísticos que oferten as axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia, sempre que nos devanditos paquetes se inclúa o aloxamento en establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os gastos subvencionados serán os que se realicen ata o 25 de decembro de 2023 e desde a data de inicio de descarga dos bonos establecida no artigo 16 destas bases reguladoras. Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 100 € para gastos de aloxamento realizados nos establecementos de aloxamento turístico e nas axencias de viaxes adheridos. O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor do gasto, de acordo co seguinte criterio:– Desconto do 40 % do gasto realizado ata un máximo de desconto de 100 €. As contías enténdense co IVE incluído.

O prazo para adherirse ao programa será desde as 9.00 horas do día 20 de outubro ata o 1 de decembro de 2023, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonoturismo.gal para a súa descarga por parte das persoas usuarias desde as 9.00 horas do día 27 de outubro ata o 15 de decembro de 2023, e a súa validez estenderase ata o 25 de decembro de 2023.

Ligazón: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231020/AnuncioG0256-171023-0002_gl.html