Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo eco.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento IF303A). Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:
a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 28 de febreiro de 2023 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2024). Porén, esta data límite do 31 de outubro para xustificar só será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de xuño de 2024, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
b) Para a liña Eurotaxi, poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos:
- Os vehículos que xa fosen adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, ao menos, cinco (5) anos, desde a data da presentación da solicitude da axuda ou no suposto de non estar adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición.
- Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e a data límite establecida na orde para xustificar a axuda.
A data límite será o 31 de outubro de 2024, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 31 de xuño do 2024, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.
Os solicitantes non poderán ter sido persoas beneficiarias dunha axuda análoga da Xunta de Galicia nos termos indicados no artigo 4.2.c).
3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2024
Ligazóns: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231129/AnuncioG0533-211123-0003_gl.html
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=IF303A