XUNTA DE GALICIA REGULA A APLICACIÓN DOS PAGAMENTOS DIRECTOS Á AGRICULTURA E Á GANDARIA E DAS AXUDAS AO DESENVOLVEMENTO RURAL

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 27 de febreiro de 2024 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D).

Persoas beneficiarias

– Os pagamentos directos indicados no número 1 do artigo 2 desta orde só se concederán a aquelas persoas solicitantes que cumpran os requisitos de agricultor activo e actividade agraria.

– Os pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas do Programa de desenvolvemento rural 2014-2020 (medida 13) recollidas no capítulo II do título III desta orde só se concederán a aquelas persoas solicitantes que cumpran os requisitos de agricultor activo e non pluriactivo. – O pagamento das axudas relativas ás intervencións agroambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 recollidas no capítulo III do título III desta orde só se concederán ás persoas agricultoras que se comprometan voluntariamente a realizar operacións consistentes nun ou en varios compromisos agroambientais e climáticos na superficie agrícola da súa explotación, e compensarán os custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.

Esta orde ten por obxecto regular no ano 2024, na Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas directas e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control indicadas no artigo 2 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 e do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e convocar:

– As axudas directas á agricultura e á gandaría do Plan estratéxico da PAC de España 2023-2027(PEPAC), anualidade de 2024.

– As primas anuais de mantemento asociadas ás axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais e para o establecemento de sistemas agroforestais (solicitudes de pagamento da anualidade de 2024 das submedidas 08.10 e 08.20 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020).

– As axudas a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas (solicitudes de axuda e pagamento para a anualidade de 2024 da medida 13 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020).

– As axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC de España 2023-2027 (PEPAC) (solicitudes de axuda e solicitudes de pagamento da anualidade 2024).

No que respecta aos réximes de axuda recollidos nos capítulos II e III do título III, cofinanciados segundo o indicado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a concesión das axudas realizarase con cargo aos orzamentos do Fogga, na aplicación orzamentaria:

a) Pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas do Programa de desenvolvemento rural 2014-2020:

– 11.600.000 euros para as axudas a zonas con limitacións naturais en áreas de montaña.

– 5.800.000 euros para as axudas a zonas con limitacións naturais en áreas distintas de montaña.

Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.

O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2024, iniciarase desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de abril, ambos incluídos.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240308/AnuncioG0426-280224-0002_gl.pdf