AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS CONVOCA SUBVENCIÓNS Á MODERNIZACIÓN E XESTIÓN SUSTENTABLE DAS INFRAESTRUTURAS DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS (FONDOS EUROPEOS)

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT404E).

Poderán ser beneficiarias desta convocatoria, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas titulares, arrendatarias ou posuidoras de calquera outro título de dispoñibilidade de espazos escénicos e/ou musicais abertos ao público, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente para organizar espectáculos escénicos e musicais ao vivo con público, así como as entidades públicas que integran a Administración local, de conformidade co disposto no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e os seus organismos dependentes titulares, arrendatarios ou posuidores de calquera outro título de dispoñibilidade de espazos escénicos e musicais abertos ao público situados en Galicia, habilitados legalmente para organizar espectáculos escénicos e musicais ao vivo con público.

Estas axudas están destinadas a cubrir o investimento dedicado á transición verde e transformación dos espazos escénicos e musicais que impulsen un crecemento intelixente e sustentable da súa xestión. As accións elixibles que se financiarán a través desta liña de axudas son as seguintes:

a) Modernización de sistemas dixitais de audio e comunicacións en rede.

b) Modernización dos sistemas de iluminación dixital.

c) Modernización dos sistemas de vídeo dixital.

d) Modernización dos sistemas de xestión dixital de maquinaria escénica.

e) Modernización das ferramentas e sistemas dixitais de xestión artística e de produción de espectáculos nos recintos escénicos e musicais.

f) Modernización e rehabilitación de edificios para a súa adaptación ao cambio climático.

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240321/AnuncioG1097-110324-0001_gl.pdf