CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
ORDE do 22 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR446A).
Obxecto, ámbito de aplicación e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia (procedemento administrativo MR446A) e realizar a súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia competitiva, conforme a requisitos e condicións establecidos para esta intervención nas disposicións xerais do ámbito comunitario, estatal e autonómico e, en particular, no Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común e as súas modificacións.
2. O apoio para esta intervención aplicarase ás viñas da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación cuxas persoas viticultoras non contradigan a normativa vixente en materia de plantacións de vide para calquera das superficies de viña da súa explotación.
3. A dita intervención ten como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable.
Requisitos de admisibilidade
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuras viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.
2. As persoas viticultoras cuxas solicitudes de axuda fosen aprobadas en convocatorias anteriores do Programa de apoio ao sector vitivinícola (PASVE 2019-2023) ou da Intervención sectorial vitivinícola (ISV 2024-2027), segundo corresponda, non poderán acceder á axuda nas dúas convocatorias seguintes se:
a) Renunciaron á axuda dunha operación solicitada, unha vez aprobada, agás que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días desde a súa notificación.
b) Non solicitaron o pagamento dunha operación aprobada, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pagamento dentro do segundo exercicio financeiro posterior ao que se solicitou a axuda.
c) Non executaron unha operación aprobada para a cal solicitaron o pagamento.
Operacións subvencionables
A axuda á reestruturación e reconversión de viñedos só poderá concederse para unha o varias das operacións seguintes:
a. Replantación con ou sen sistema de condución.
b. Reconversión de viñedos por cambios de variedade: sobreenxertado.
c. Mellora de técnicas de xestión.
d. Replantación de viñedos cando sexa necesario tras a arrinca obrigatoria por motivos sanitarios ou fitosanitarios por orde da autoridade competente.
As accións subvencionables de reestruturación e reconversión elixibles, as súas características e os seus custos unitarios recóllense nos anexos V e VI desta orde e deberán perseguir un ou máis dos obxectivos globais establecidos, en función de se cumpren unha ou varias das características de cada operación.
O prazo para presentar as solicitudes será ata o 26 de abril de 2024, desde o día seguinte ao de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240326/AnuncioG0426-210324-0001_gl.pdf