Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan, para a anualidade 2021, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a
rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual (código de procedemento VI406B).
Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2021 as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:
a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.
Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II das bases reguladoras deste programa.
No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen rematadas, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:
a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación.
b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.
Así mesmo, as comunidades de propietarios/as poderán ser beneficiarias dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios, ben que non poderán obter axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.
Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 1 de setembro de 2021 e, respecto das axudas económicas directas de subsidiación, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210318/AnuncioC3Q2-090321-0001_gl.pdf