CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
ORDE do 8 de xullo de 2024 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual (código de procedemento ED202A).
Establécense as seguintes modalidades de axudas:
1. Modalidade A: alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos, que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.
2. Modalidade B: alumnado matriculado en ciclos formativos de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas deportivas de réxime especial, que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español.
Requisitos
1. Estar matriculado nun centro público desta comunidade autónoma ou, no caso dos centros privados, nunha ensinanza concertada coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. Estar cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP dual.
3. Rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP dual antes do 31 de decembro de 2024.
4. Realizar como mínimo o 80 % das xornadas en empresa correspondentes a cada ensinanza segundo o establecido no currículo ou no proxecto de FP dual.
5. No caso do alumnado de FP dual, que o proxecto de FP dual non inclúa axudas para desprazamento ou aloxamento.
6. No caso da modalidade A, que o concello do centro de traballo sexa distinto do concello do centro educativo e distinto do concello de residencia do/da alumno/a durante o período de realización da FCT ou da FP dual.
7. No caso da modalidade B, que o/a alumno/a non desfrutase dunha axuda Erasmus+ KA102, KA116, KA121, KA122 ou calquera outra axuda que financie totalmente o período de realización da FCT ou da FP dual.
8. Cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
– O primeiro prazo, de sesenta (60) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2023-marzo 2024 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2024. Acollerase a este primeiro prazo o alumnado de FP dual. O alumnado ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2024 e que anticipe a súa realización, non se acollerá a este primeiro prazo.
– O segundo prazo, comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2024, para o alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2024. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2024. O alumnado que teña horario flexible con autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e remate despois do 31 de decembro de 2024 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.
chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240710/AnuncioG0761-020724-0003_gl.pdf