CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
ORDE do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D)
Beneficiarias
As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas. Para as liñas II e III tamén poderán presentar solicitude as empresas con centros de traballo en Galicia.
No caso da liña I, as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.
Para a liña II, se a solicitude é para as subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora, e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras. Para a liña III, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.
Poderán ser subvencionables as accións para as que se concede a axuda ou incentivo que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2025 e ata a data de final do prazo de xustificación das actividades establecido no artigo 35.
Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:
Liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.
Liña II. Conciliación (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:
Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.
Subliña II.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.
Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo. Liña III. Certificacións de RSE (TR357B).
Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.
Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: Empresa Familiarmente Responsable-EFR (conciliación); Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Global Compact (Pacto Mundial); ISO 37301; SGE 21; Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente); ISO 16064; UNE-ISO 21401; ISO 50001; SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable, e, así mesmo, o Selo Horarios Racionais (SHR).
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250131/AnuncioG0767-301224-0007_gl.pdf