A concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas extraordinarias de carácter social e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia .
Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:
a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.
b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.
c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Requisitos que deberán cumprirse e acreditarse na data da presentación de solicitudes:
a) Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar.
b) Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Ter residido no estranxeiro un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.
d) Que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2023, incluído.
e) Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar.
Para estes efectos, considérase que son recursos económicos suficientes cando a suma da media dos ingresos que perciba cada membro da unidade familiar, nos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude, dividido entre o número de persoas que a integren, supere o importe do IPREM mensual (indicador público de renda de efectos múltiples) vixente na data da solicitude.
• Entenderase como patrimonio mobiliario suficiente cando o valor actualizado dos bens mobles de todas as persoas da unidade familiar supere o límite de 20.000 euros cando a unidade familiar estea formada por unha persoa, incrementado, se é o caso, en 5.000 euros adicionais por cada un dos restantes membros da unidade familiar.
O patrimonio mobiliario estará conformado polos depósitos en conta corrente ou a prazo, accións, fondos de investimento e fondos de pensións, valores mobiliarios, etc., que se valorarán polo seu valor nominal que conste na correspondente documentación bancaria, tanto en España coma no estranxeiro.
2. Unidade familiar:
A persoa solicitante debe incluír na súa solicitude de axuda, se for o caso, as persoas que residan na mesma vivenda e coas cales estea unida por vínculos de parentesco. Para os efectos desta convocatoria de axudas, constitúen unidades familiares independentes as seguintes modalidades:
a) A constituída só pola persoa solicitante, cando viva soa ou comparta vivenda con outras persoas coas cales non teña vínculos de parentesco ou que formen outra unidade familiar independente.
b) A formada pola persoa solicitante, o seu cónxuxe ou parella de feito inscrita e, de ser o caso, os/as fillos/as da persoa solicitante, solteiros/as ou sen parella de feito inscrita, menores de 25 anos, que residan na mesma vivenda.
c) No caso de que a persoa solicitante sexa solteira ou sen parella de feito inscrita, sen fillos/as e menor de 25 anos, e conviva con algún dos seus proxenitores, a unidade familiar estará formada pola persoa solicitante e os seus proxenitores e, se é o caso, os irmáns ou as irmás solteiros/as ou sen parella de feito inscrita, menores de 25 anos, que residan na mesma vivenda.
d) Cando a persoa solicitante sexa maior de 18 e menor de 25 anos e non conviva con algún dos seus proxenitores, considerarase que forma unha unidade familiar independente. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de 18 anos e non conviva con algún dos seus proxenitores, constituirá unha unidade familiar coa persoa que exerza a súa titoría ou representación legal.
e) No caso de que a persoa solicitante estea residindo nun establecemento de acollida temporal, nunha residencia de persoas maiores ou nun aloxamento turístico, a determinación da unidade familiar realizarase segundo as circunstancias do caso concreto.
Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que residan e consten inscritos no mesmo domicilio no certificado de empadroamento conxunto do padrón municipal, certificación municipal de convivencia ou, no caso de imposibilidade de conseguilo, na declaración responsable presentada pola persoa solicitante, relativa á composición da súa unidade familiar.
PRAZO DE SOLICITUDE: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025