XUNTA DE GALICIA CONVOCA PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DE ESTADÍAS E SERVIZOS NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE ADSCRITAS Á CONSELLERIA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 25 de abril de 2025 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería no ano 2025 (código de procedemento BS419A).

Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2025 nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social e Igualdade.

Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar que teñan a súa residencia en territorio español.

Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e galegas residentes no exterior. Non se valorarán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores, salvo que existan prazas vacantes na quenda solicitada.

Os servizos que se prestan nestas residencias no ano 2025 comprenderán o aloxamento e o mantemento en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias residentes, como se indica:

a) Servizo de aloxamento que inclúe a limpeza diaria.

b) Servizo de comedor en réxime de pensión completa que comprende o almorzo, o xantar e a cea.

O servizo de comedor ofrece un menú único, sen prexuízo da atención de solicitudes de dietas individualizadas derivadas de prescrición médica, alerxias ou intolerancias alimentarias.

Cada unidade familiar poderá solicitar, a través da persoa maior de idade que a represente, as estadías e servizos para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e Igualdade e para unha ou varias das quendas que se detallan no anexo III, para o que debe achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles. Este prazo comezará a computar desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250507/AnuncioG0762-280425-0002_gl.pdf