CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
ORDE do 5 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR353C)
Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán levar a cabo con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:
a) Que teñan 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior ao da data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se encontren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación. Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se encontren nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización en que van ser contratadas.
Serán subvencionables ao abeiro deste programa:
– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.
– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de doce (12) meses e deberán ser a xornada completa.
Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude destas axudas, sempre que se cumpran todos os requisitos recollidos nesta orde. O período durante o cal se teñen que realizar os contratos formativos para seren subvencionables será desde o 16 de outubro de 2024 ata o 15 de outubro de 2025.
No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte e cinco (25) días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, o 15 de outubro de 2025.
No caso de que o prazo de vinte cinco (25) días hábiles para a realización dos contratos for máis alá do 15 de outubro de 2025, esa será en todo caso a data límite (15.10.2025).
O número máximo de contratos subvencionables establécese en tres (3)
As contías máximas do incentivo á contratación por doce (12) meses a xornada completa que se concederán con carácter xeral serán as seguintes:
a) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
b) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
c) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o sétimo día natural despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250520/AnuncioG0767-060525-0001_gl.pdf