AXUDAS PARA FINANCIAR BENS E SERVIZOS EN EVENTOS OU ACTIVIDADES REALIZADOS POR ASOCIACIÓNS DE VECIÑAS E VECIÑOS E DE MULLERES RURAIS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA NO ANO 2026
Estas axudas están dirixidas a financiar a adquisición de bens entregados ás persoas participantes nas actividades organizadas polas entidades beneficiarias e os servizos necesarios para a correcta organización e desenvolvemento destas actividades. Con iso, búscase garantir infraestruturas e recursos adecuados para as e os organizadores, de modo que poidan levar a cabo iniciativas que favorezan a cohesión social, a mellora da calidade de vida, a participación cidadá e o crecemento sostible das comunidades.
Beneficiarias
Terán a consideración de beneficiarias das subvencións as asociacións de veciñas e veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciñas e veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia de Pontevedra que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no rexistro correspondente e que organicen un evento na provincia de Pontevedra no ano 2026.
Serán subvencionables as actividades abertas á participación da veciñanza, desenvolvidas dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, de carácter puntual ou de duración determinada (que non excedan os 3 meses de duración), que dispoñan dun programa definido e que respondan a unha finalidade social, participativa, cultural ou de dinamización comunitaria.
Tipos de actividades
- Obradoiros ou accións formativas que promovan a aprendizaxe práctica e a adquisición de coñecementos de interese social e comunitario, coma cursos de formación para mellorar capacidades en ferramentas dixitais, obradoiros de alfabetización dixital centrados en ferramentas de uso diario (WhatsApp, aplicacións bancarias e pagos móbiles) ou trámites en liña, manexo de teléfonos intelixentes ou tabletas, navegación segura pola rede ou obradoiros de videochamadas e comunicación grupal.
- Actividades de promoción da saúde ou do benestar nas que se fomenten hábitos de vida saudables e o benestar físico e emocional da comunidade, coma, por exemplo, sesións de exercicio físico, de ximnasia suave ou de mantemento ou aeróbic; sesións de ioga ou pilates comunitario; cursos de cociña saudables; xornadas de mindfulness ou meditación guiada; obradoiros de xestión do estrés e da ansiedade ou aprendizaxe de técnicas de respiración e relaxación; charlas sobre enfermidades crónicas coma a diabetes ou a hipertensión; ou obradoiros de hixiene postural e saúde musculoesquelética.
- Cursos básicos de primeiros auxilios e riscos domésticos, con contidos prácticos e teóricos na prevención de accidentes e no recoñecemento de sinais de alerta ante situacións de risco. Obradoiros prácticos e simulación con bonecos que permitan poñer en práctica a manobra de Heimlich, cursos de reanimación cardiopulmonar (RCP), obradoiros de resposta ante accidentes leves (limpeza e vendaxe de feridas, tratamento básico de queimaduras) ou identificación de síntomas que requiran atención médica inmediata, coma accidentes cerebrovasculares.
- Actuacións de sensibilización ou dinamización comunitaria en materia de igualdade, medio ambiente, participación cidadá ou memoria colectiva, entre outras, que sirvan para promover os valores da convivencia, respecto e compromiso social e colectivo, coma xornadas de reciclaxe, compostaxe ou separación de residuos, limpeza de espazos comúns ou obradoiros de aforro enerxético ou consumo responsable.
- Actividades interxeracionais destinadas a fomentar a convivencia e a cohesión social, que reforcen a unión entre xeracións e a creación de lazos de confianza e colaboración, coma xornadas de voluntariado comunitario, obradoiros de música e danza, clubs de lectura interxeracional ou obradoiros de arte e traballos manuais, entre outros.
Establécense dúas liñas de financiamento:
- Liña A: destinada á adquisición de bens funxibles ou elementos non inventariables directamente vinculados á actividade subvencionada.
bens subvencionables
- Material didáctico ou divulgativo directamente vinculado á actividade, coma libros de texto ou fichas educativas ou de actividades, folletos informativos, infografías, carteis informativos etc.
- Material funxible necesario para desenvolver a actividade, coma cadernos para anotacións, bolígrafos, material para traballos manuais, luvas de látex ou nitrilo, manequíns de prácticas, recipientes de dun só uso, así como botellas de auga e pequenos aperitivos ofrecidos ás persoas participantes durante a actividade (café e petiscos).
- Elementos simbólicos de recoñecemento ás persoas participantes, de escaso valor unitario –inferior a corenta euros (40 €), IVE incluído–, coma diplomas, placas, medallas conmemorativas, trofeos sinxelos ou certificados de participación.
- Liña B: dirixida á contratación de servizos externos necesarios para a organización e o desenvolvemento da actividade subvencionada.
servizos subvencionables (de apoio á organización)
- Honorarios de profesionais para a impartición de cursos, xornadas formativas, relatorios ou obradoiros, así como a planificación, preparación, adaptación de contidos e accións formativas ou de sensibilización, garantindo a calidade pedagóxica e cumprindo os obxectivos educativos, sociais ou comunitarios.
- Servizos técnicos básicos imprescindibles para desenvolver a actividade (son, proxección, apoio técnico), co fin de garantir o correcto funcionamento das accións formativas, obradoiros, xornadas ou actividades comunitarias, así como o apoio técnico necesario para a súa instalación, configuración e supervisión durante a realización da actividade.
- Alugueiro puntual de espazos ou medios necesarios para realizar a actividade, coma cadeiras, mesas ou carpas, palcos, tarimas, plataformas ou escenarios.
Admitiranse solicitudes que combinen ambas as liñas de financiamento e diferentes tipoloxías de gasto compatibles entre si, sempre que se correspondan cunha actividade concreta.
No caso da adquisición de bens, estes deberán incorporar o logotipo da Deputación de Pontevedra de forma visible. Para a contratación de servizos, deberá acreditarse a difusión publicitaria da colaboración mediante calquera medio válido, coma publicacións en redes sociais, colocación de pancartas ou outros soportes de visibilidade.
O importe máximo das axudas por cada solicitude será de mil euros (1.000 €).
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación do anuncio destas bases no BOPPO e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) e finalizará o 30 de novembro de 2026.
https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/06/17/2026048107
