INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS ESTATAIS ÁS ACTUACIÓNS DE MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA EN VIVENDAS

23. 06. 15

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2023 pola que se convoca o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

Persoas beneficiarias

1. Ao abeiro do artigo 41 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas.

2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas. O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

3. As persoas beneficiarias e, de ser o caso, o axente ou xestor da rehabilitación que actúe por conta daquelas, destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións.

Actuacións subvencionables

1. De conformidade co establecido no artigo 42 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, as vivendas para as que se solicite financiamento deste programa teñen que constituír o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar a axuda, circunstancia que será obxecto de comprobación. Así mesmo, as vivendas deberán ter unha referencia catastral diferenciada, de xeito que non se poderá conceder máis dunha axuda por vivenda a unha mesma referencia catastral

2. De conformidade co establecido no artigo 43 do dito real decreto, son actuacións subvencionables aquelas que se realicen en vivendas, xa sexan unifamiliares ou pertencentes á edificios plurifamiliares, en que se consiga unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, o 7 % ou unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, un 30 %.

Tamén se considerarán subvencionables as actuacións de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire, cando proceda, establecidos nas táboas 3.1.1.a-HE1 e 3.1.3.a-HE1, do Documento básico DB HE de aforro de enerxía do Código técnico da edificación.

3. As actuacións deben cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

4. Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.

5. As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020, nin estar finalizadas no momento da publicación desta convocatoria no DOG. 6.

O prazo para executar as obras para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nas vivendas que se acollan ás axudas deste programa non poderá exceder os doce meses, contados desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

O importe da subvención será do 40 % do custo das actuacións, cun límite de 3.000 euros por vivenda.

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución ata o 2 de outubro de 2023, agás que, con anterioridade, se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230615/AnuncioC3Q2-020623-0001_gl.pdf