A XUNTA DE GALICIA APROBA A GRATUIDADE DAS MATRÍCULAS UNIVERSITARIAS A PARTIR DO CURSO 2024-25

24. 07. 04

A Xunta de Galicia da luz verde á "gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinos artísticos superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos", tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos.

Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinos artísticos superiores o próximo curso bonificarían o prezo da matrícula, o que contribúe, "a garantir a igualdade de oportunidades",

Bonificación do 99%

No que corresponde aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinos artísticos superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só abonarán o 1% do custo da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

Para iso, deberán cumprir co requisito de superar a EBAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou superar un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.

No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en diante, deberá cursar estudos de grao en Galicia no curso 2023/24 e matricularse no curso 2024/25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galegas. A maiores, deberá superar as porcentaxes de créditos matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñería e Arquitectura.

Continuidade na conxelación das taxas
 
Doutra banda, para aqueles alumnos/as universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, o decreto  tamén ratifica de novo a conxelación das taxas de grao e máster para o próximo curso. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumprir os requisitos abonarán un prezo medio de 11,89 €/crédito.
 
Ensinos artísticos superiores
Así mesmo, o alumnado de ensinos artísticos superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán superar as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso ao conseguir un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.
 
Para o alumnado de continuidade (de 2º a 4º curso), para optar á bonificación do 99%, requírese estar matriculado en curso completo nun centro público de Galicia no curso anterior e superar en primeira matrícula como mínimo o 90% da totalidade dos créditos.