CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
ORDE do 5 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS412A).
Para os efectos desta orde, entenderase como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2024:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 12, 13 e 14 de febreiro.
– Do 25 de marzo ao 1 de abril.
– Do 22 de xuño ao 10 de setembro.
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e se encontren nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou a nena nacese o 1 de xaneiro de 2011 ou con posterioridade a esta data.
b) Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor/a de familia monoparental estean traballando, no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por necesidades en períodos de vacacións escolares.
Accións e gastos subvencionables
1. Para teren dereito ás axudas previstas nesta orde, as familias deberán acreditar encontrarse nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena por parte da persoa coidadora habitual.
b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor/a de familia monoparental non se poidan facer cargo da atención do neno ou nena por motivos laborais.
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata un máximo do 75 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior e cun límite:
a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena, no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
2. Cada suposto de conciliación a que dá cobertura esta orde será obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240917/AnuncioG0762-060924-0001_gl.pdf