CÓMO ELABORAR UN BO CURRÍCULO

20. 09. 29

cv1

 

  • O Curriculum Vitae

O currículo vitae é a ferramenta fundamental para a procura de emprego. Trátase dunha ferramenta creativa, é dicir, que máis aló dos diferentes modelos que se poidan utilizar, é importante permitir á persoa usuaria que está capacitada para facelo, que o faga de forma verdadeiramente propia.

Un exercicio recomendado antes de empezar a realizar o currículo é a reflexión propia sobre a súa historia profesional e sobre o seu obxectivo laboral. Nesta reflexión hai que tratar que aspectos lle convén explicar e cales non, de forma que poida decidir que tipo de currículo se adapta máis á súa situación, ordenar a información e decidir que se inclúe e que non en cada caso.

  • Obxectivos do currículo

Un currículo serve "para atopar traballo". Trátase dunha ferramenta de comunicación escrita que se converte, na maioría dos casos, na primeira toma de contacto coa empresa. É un documento frío, un papel, esquemático que debe conter de forma esquemática a traxectoria profesional e formativa, de tal forma que poña de manifesto a idoneidade da persoa candidata ao posto. O obxectivo, como diciamos, é conseguir unha entrevista de traballo, e por tanto debe suscitar interese. É unha ferramenta de mercadotecnia persoal, e como tal, algúns autores falan a importancia da estratexia AIDA aplicada a este documento, o cal debe:

Chamar a… Atención

Suscitar o… Interese

Fomentar o… Desexo

Conseguir a… Acción

Trátase dun documento que debe atraer a atención da persoa que o está lendo (seleccionador/a), debe suscitar interese pola persoa espertando o seu interese por coñecelo e finalmente mobilizándoo para a convocatoria á entrevista de traballo.

  • Estrutura do currículo

Existen uns bloques, máis ou menos fixos, que debe conter un currículum vitae, e outros apartados optativos, os cales a persoa mesma debe decidir se incluír ou non:

Apartados comúns

  • Datos persoais: neste apartado indicaremos un teléfono de contacto onde nos localizen, un correo electrónico con nome profesional, indicar si se dispón de páxina web, blogue ou calquera ferramenta 2.0. Existen datos que non son estritamente necesarios indicalos, como o número do DNI, estado civil ou data de nacemento. Para persoas estranxeiras aconséllase que indiquen o número do NIE ou sinalen que dispoñen de permiso de traballo en vigor.
  • Formación: é convinte diferenciar a formación regrada da non regrada ou complementaria. Tamén deben sinalarse as datas de inicio e fin, así como as horas de duración dos cursos no caso da formación complementaria. Tamén se recomenda indicar o nome do centro onde se cursaron os estudos.
  • Experiencia profesional: trátase dun dos apartados fundamentais de calquera currículo. Débense destacar as empresas onde se traballou, posto e funcións. É importante sinalar as datas de inicio e fin de cada unha das experiencias laborais. É importante sinalar que neste apartado indicaremos todas aquelas experiencias de que dispoñamos, sexan en traballo remunerado ou non (con contrato laboral ou non). Debemos sinalar que a experiencia sen contrato será difícil de demostrar en caso que nolo pidan mediante documento formal (por exemplo un certificado de vida laboral), pero igualmente é interesante que conste toda a experiencia laboral desenvolta. 
  • Idiomas: un dos aspectos máis valorados é o coñecemento de varios idiomas. Debemos destacar todos aqueles que coñezamos, indicando o nivel e os posibles certificados ou títulos oficiais dos que dispoñamos.
  • Informática: trátase dun dos requisitos máis demandados hoxe en día e por tanto é necesario poñer un apartado diferenciado no currículo. Destacaremos o coñecemento dos diferentes programas informáticos, sistemas operativos e aplicacións web, así como calquera titulación referente aos mesmos.

Apartados opcionais

  • Obxectivo laboral: trátase da afirmación concreta e concisa sobre o tipo de traballo que se quere levar a cabo. É unha forma de facilitar o traballo ás persoas seleccionadoras. Recoméndase utilizalo cando a persoa ten claro o seu obxectivo e este coincide coa vacante que se ofrece. No caso de que se queira optar a máis dun posto, non recomendariamos este apartado posto que a persoa candidata limita as súas posibilidades.
  • Competencias clave: de querer ir máis alá na explicación da experiencia laboral, incluiremos as competencias clave das que dispoñemos e que foron adquiridas ao largo da nosa traxectoria persoal e profesional.
  • Referencias: é importante dispoñer de referencias positivas sobre os traballos realizados, para xerar confianza nas empresas que ofertan un posto. Recomendamos que a partires de agora, cando se conclúa a relación laboral se soliciten referencias á empresa. Mesmo, agora, con ferramentas como linkedIn, pódense solicitar de forma online e engadir ligazón no currículo para que accedan a elas de forma directa.
  • Logros: explicar as funcións realizadas nun posto de traballo e os obxectivos alcanzados tanto de forma cuantitativa como cualitativa. Indicalos de forma esquemática e entendible é un factor diferencial que pode achegar máis valor á candidatura.
  • Voluntariado: faise especialmente relevante destacar este apartado en persoas que dispoñen de experiencia neste eido e queren dedicarse ao ámbito social, aínda que se recomenda mostrar este tipo de información en calquera perfil profesional, sobre todo se ten relación co posto ao que se aspira.
  • Afeccións: pódense facer constar aquelas afeccións que reforcen a candidatura, que estean relacionadas co posto de traballo en si ou que amosen competencias valoradas na empresa ou oficio.
  • Publicacións, relatorios, bolsas ou premios: de dispor de experiencia que se relacione co posto nestes aspectos ou que se poidan valorar de forma satisfactoria por parte da empresa, é importante indicalos de forma esquemática e simple, pero entendible.

Modelos de currículo Vitae
Existen infinidade de modelos e formas de realizar o currículo. Non hai unha forma única e exclusiva de realizalo nin un modelo ideal ao que acudir. Trátase de que cada persoa cree a súa ferramenta sendo esta persoal e propia, requisito fundamental do currículo.

A. Currículo cronolóxico

Consiste en ordenar toda a información en base ás datas de realización (tanto a formación como a experiencia), de tal forma que a persoa vai indicando a información de xeito progresivo, empezando pola máis antiga ata chegar á máis recente.

VER EXEMPLO

B. Currículo cronolóxico inverso

Trátase dunha versión do anterior no que se ordenan as datas por orde cronolóxica inversa, destacando as experiencias e/ou formacións máis actuais ás máis afastadas.

Trátase dun modelo de utilización moi frecuente pero a miúdo non é o modelo máis indicado para as persoas, sobre todo en casos onde faga moito tempo no que non se traballa ou en traxectorias profesionais con amplos baleiros temporais de non actividade. Neste tipo de situacións recomendamos a utilización do outro tipo de currículos.

C. Currículo Funcional

Tamén denominado temático, destaca por tratarse dun modelo de currículo no que destacamos as áreas profesionais en lugar da variable tempo, como nos anteriores.

Consiste en agrupar as diferentes experiencias profesionais segundo áreas de actividade e/ou funcionais. Trátase dun tipo de currículo moi adecuado para persoas que queiran cambiar de emprego ou reorientar a súa traxectoria profesional. Desta, a persoa debe destacar toda aquela experiencia máis relacionada co novo obxectivo.

É recomendable para persoas que dispoñan de ampla experiencia en períodos curtos de tempo ou con moitos períodos de inactividade. Tamén pode ser recomendable para persoas que realizasen o mesmo tipo de tarefas en diferentes empresas , para mostralas de forma agrupada e máis sintética.

D. Currículo por Competencias

Caracterizado por remarcar de forma destacada as competencias adquiridas pola persoa na súa traxectoria laboral, formativa e persoal. Trátase de acreditar as competencias adquiridas asociándoas coas tarefas e/ou responsabilidades exercidas.

Está especialmente indicado para aquelas persoas que queiran cambiar de ámbito profesional ou sector e que poden extrapolar todas aquelas competencias que adquiriron a outro tipo de traballo.

Actualmente recoméndase realizar un tipo combinado de currículo de tal forma que pode ser cronolóxico ou funcional, engadindo as competencias adquiridas.

E. Currículo Europass

Para aquelas persoas que queiran ampliar posibilidades e buscar ofertas na Unión Europea, existe o formato Europass. Este tipo de currículo vitae caracterízase por dispoñer de 5 documentos:

- O currículo vitae europass
- Pasaporte de linguas Europeas
- Suplemento Europass ao Título/ Certificado
- Suplemento Europeo ao Título Superior
- Documento de Mobilidade Europass

Para obter o currículo Europass persoal e máis información sobre este documentos, podedes consultar a páxina web de Europass aquí

Outras ferramentas máis innovadoras:
A través das novas tecnoloxías da Información e a comunicación estamos a ver a aparición de numerosas ferramentas innovadoras, cada vez máis utilizadas, que poden servir para facer a candidatura máis interesante:

Videocurrículo

Trátase dun currículo gravado en vídeo onde é a propia persoa candidata quen explica as súas calidades para un posto de traballo determinado. É unha ferramenta visual, viva e moito máis dinámica que un currículo sinxelo. Require dunha coidada elaboración do mesmo, así que é imprescindible que si se utiliza, o faga de forma asesorada e non mediante a improvisación.

Algúns consellos para a elaboración do videocurrículum:

  • O valor engadido do videocurrículo é a dinamización da ferramenta e a transmisión da propia imaxe persoal, por tanto é fundamental mostrar unha boa imaxe profesional.
  • Pode ser unha ferramenta demostrativa, polo que debemos mostrar as destrezas e competencias técnicas no mesmo videocurrículo. Por exemplo: falar en inglés se dispoñen de destreza neste idioma, mostrarse elaborando un prato culinario se o seu obxectivo profesional é ser cociñeiros...
  • É importante que a calidade do vídeo sexa adecuada. Un videocurrículo mal gravado é contraproducente e dá imaxe de deixamento e falta de coñecemento e dominio das TIC. Por tanto, mellor non facelo que facelo de mala calidade.
  • A duración do mesmo non pode exceder de 2-3 minutos. Nese tempo a persoa debe mostrar todos os seus argumentos de venda, é dicir, as súas competencias, habilidades, aptitudes e (algo que diferenza ao videocurrículum do currículo tradicional), as súas actitudes.

Nun inicio do xurdir da ferramenta esta recomendábase a perfís exclusivamente artísticos, deseñadores ou audiovisuais. Actualmente recoméndase a todo tipo de perfís, sendo unha ferramenta innovadora e que presenta numerosos beneficios a quen se anima a realizala. Trataríase dunha ferramenta complementaria, non substitutiva do currículo actual. Pode engadirse a URL do mesmo ao currículo en formato papel, ou mencionar a existencia do mesmo nunha entrevista de traballo, como dato adicional.
Actualmente están a xurdir portais de ofertas de emprego que dispoñen dun apartado dedicado a colgar o videocurrículo xa editado ou mesmo portais que facilitan a elaboración do mesmo a través do propia web. Isto denota a tendencia que se aprecia no videocurrículo, sendo posiblemente unha ferramenta moi utilizada e xeneralizada nun futuro moi próximo.

Currículo Creativo

O videocurrículo non deixaría de ser un currículo creativo, pero existen outras formas de plasmar a creatividade a través desta ferramenta de procura de traballo. Na rede circulan numerosos exemplos moi visuais de persoas candidatas que mostraron a súa aptitude e competencia a través da ferramenta fundamental.

Neste caso si recomendamos a súa utilización a perfís claramente relacionados con actividades creativas, profesións nas que unha das súas principais competencias sexa xustamente o deseño e a creatividade por encima doutros requisitos complementarios. En profesións como deseñador/a gráfico, publicista, debuxante, fotógrafo/a... é altamente recomendable a utilización do mesmo.

Ferramentas con soporte 2.0

Trátase de todas aquelas ferramentas que nos facilita o contorno web 2.0 e que poden facilitar unha boa imaxe profesional a calquera persoa candidata que se anima a utilizalas.

Trátase de ferramentas para fomentar a mercadotecnia profesional, darse a coñecer na web e mostrar as competencias propias, promocionar a súa actividade, difundir creacións, publicacións, impresións, opinións, etc.

Podemos atopar ferramentas como:

Portafolios dixitais
Infografías
Páxina web profesional
Blogue profesional

Trátase de ferramentas escaparate que facilitan a difusión do traballo propio do/da profesional. Unha forma útil e dinámica de darse a coñecer e un reflexo da actividade e capacidade profesional.

EXEMPLOS DE VIDEOCURRICULO

VIDEOCURRICULO CREATIVO

*Fonte: CIXUG