Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (código de procedemento IG406F).
Serán subvencionables os proxectos emprendedores de creación ou ampliación de
pequenas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que na data de presentación da solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de inicio da súa actividade (primeira alta no IAE). Serán subvencionables tamén os proxectos
de reemprendemento, entendendo como tal exclusivamente os autónomos que estivesen de baixa continuada de toda actividade económica por conta propia durante un período igual ou superior a 3 anos; nestes casos, os 42 meses contaranse respecto da primeira alta en actividade económica por conta propia inmediatamente posterior á dita baixa.
Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser técnica, económica e financeiramente viables.
b) Ser proxectos completos, é dicir, a realización dos gastos e investimentos subvencionables debe dar como resultado a posta en marcha da actividade ou a súa ampliación.
Non serán subvencionables as fases de proxectos que non sexan completas nestes termos.
c) Deben desenvolverse en Galicia.
d) A axuda solicitada debe supor un efecto incentivador para o proxecto presentado: de acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presentou antes do comezo do proxecto.
Ningún dos custos incluídos na solicitude de axuda poderá estar realizado nin comprometido antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. De ser así, o proxecto considerarase non subvencionable na súa totalidade. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia
de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinados entre as partes, ou da existencia dun pedido,
para calquera dos elementos subvencionables.
Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como
a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarios destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda, segundo se establece no artigo 1 das bases reguladoras.
Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia, sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.
No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tivesen actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, agás os supostos de reemprendemento.
No caso de que a entidade que vai desenvolver o proxecto emprendedor non estea aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física.
Serán subvencionables os investimentos e gastos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto de creación ou ampliación da pequena empresa e que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, en particular:
a) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos que se achegan como anexo IV, levadas a cabo en instalacións ou terreos propiedade do solicitante ou sobre os cales teña un dereito de uso e gozo que permita a realización de obras irrevogable durante 5 anos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto. No caso de que o acordo ou contrato que confire ese dereito sexa oneroso, só poderá formalizarse con entidades non vinculadas ao solicitante.
b) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.
c) Outros investimentos en activos fixos materiais, incluído mobiliario. En ningún caso se subvencionarán os vehículos de transporte externo que non teñan a consideración de vehículo especial.
d) Activos inmateriais: activos que non teñen unha materialización física ou financeira, como patentes, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual e páxinas web.
e) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:
– Que os activos sexan adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador
– Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e
– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, aspectos que se acreditarán mediante certificación de taxador independente.
Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións, non será preciso achegar as tres ofertas exixidas no número 7 deste mesmo artigo.
Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.
f) Gastos de persoal de nova contratación.
g) Gastos de alugueiro de locais. Non poderán imputarse custos por este concepto no caso de que a actividade se desenvolva na vivenda da persoa emprendedora.
h) Gastos de contratacións externas de servizos específicos: software de pagamento por uso, deseño gráfico, identidade corporativa, servizos de asesoramento para a posta en marcha do proxecto empresarial.
i) Os custos do informe de auditor de contas inscrito no ROAC requirido no artigo 17.4.b).2º, ata un máximo de 1.000 €.
A subvención a fondo perdido será do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 400.000 €.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará transcorridos 45 días naturais.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210108/AnuncioO92-171220-0001_gl.pdf