Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha das seguintes liñas de préstamos: préstamos para investimentos estratéxicos, préstamos para financiar investimentos en infraestruturas de uso compartido e desenvolvemento de proxectos en Galicia por parte de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais, préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval e préstamos para financiar a operativa das empresas no contexto actual de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía.
Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación que se vai financiar, situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I das bases reguladoras.
c) Acheguen para a actuación unha contribución financeira mínima do 25 % do custo total, exenta de calquera tipo de apoio público.
Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I das bases reguladoras, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1.
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de decembro de 2023, ás 14.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230131/AnuncioO92-090123-0003_gl.pdf