USC ORGANIZA CAMPUS DE EMPRENDEMENTO E EMPREGABILIDADE

21. 06. 09

O Campus de Emprendemento e Empregabilidade celebrarase do 12 ao 23 de xullo

Esta iniciativa que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais pretende incrementar o número de empresas creadas polos e polas estudantes, dando pulo a unha rede de startups marca USC.

Formar ao alumnado universitario en como se crea unha empresa como alternativa de saída ao mercado laboral é a meta que persegue o Campus de Emprendemento e Empregabilidade da USC que se desenvolverá do 12 ao 23 de xullo. Esta iniciativa das vicerreitorías de Investigación e Innovación, así como de Igualdade, Cultura e Servizos, quere fomentar o espírito emprendedor entre a comunidade universitaria, alén de achegar a realidade empresarial e incrementar o número de empresas creadas polos e polas estudantes, dando pulo a unha rede de startups marca USC.

“Un dos indicadores inequívocos da grandeza dunha Universidade é a capacidade que esta teña para exportar os coñecementos xerados no seu seo, froito da investigación, do traballo e do esforzo do profesorado e do alumnado”, apuntan dende a organización. “Atopámonos con que moitos e bos proxectos, sustentados en excelentes ideas xurdidas no ámbito universitario, pérdense no tinteiro polo simple feito de que as persoas que os promoven non se atreven a dar o salto e crear a súa propia empresa. Teñen medo ao mundo empresarial porque é percibido como complexo e complicado”, continúan.

En horario de 10.00 a 12.30 horas, o Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais será o escenario no que se impartirá a formación presencial pero retransmitida. Ao longo dos dez días que durará a actividade, o Campus afondará, a través de profesionais de recoñecido prestixio, en temáticas tan diversas como a reformulación de proxectos; a constitución de sociedades, é dicir, a súa forma xurídica, os modelos de participación, os estilos de dirección ou os procesos de selección; así como as habilidades básicas da persoa emprendedora. A análise do mercado, o desenvolvemento da marca persoal, ou a xestión financeira serán outras das cuestións tratadas no Campus de Emprendemento e Empregabilidade da USC.

A información relativa ao proceso de inscrición pode consultarse no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.