XUNTA DE GALICIA ACCIÓNS FORMATIVAS DO PLAN DE FORMACIÓN NO XACOBEO

21. 08. 24

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 5 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación no Xacobeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2022 e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR303B).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas do Plan de formación no Xacobeo Comunidade Autónoma de Galicia dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e xestionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade (procedemento TR303B).

Tamén poderán participar nas referidas accións formativas reguladas por esta orde aqueles colectivos que, para tales efectos, se determinan no artigo 27.

As subvenciones que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras e primeira convocatoria terán como finalidade o financiamento de programas de formación destinados prioritariamente á cualificación profesional, no ámbito sectorial da hostalaría e o turismo, das persoas traballadoras ocupadas, e estarán orientados á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas do sector que teñan os seus centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán subvencionarse aqueles programas de formación constituídos por accións formativas dirixidas á adquisición de competencias técnicas profesionais específicas relacionadas cos sectores do ámbito da hostalaría e turismo.

Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases as entidades que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados e/ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

As entidades solicitantes deberán estar acreditadas ou inscritas para impartir a especialidade na modalidade de teleformación no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, que a formación se imparta total ou parcialmente na modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación, regulado na Orde TMS/369/2019, do 1 de abril.

Igualmente, poderán ser beneficiarios os centros e entidades de formación que tivesen achegado, na data de entrada en vigor da convocatoria, a declaración responsable sobre o cumprimento dos requisitos exixidos para a súa inscrición no rexistro para impartir especialidades formativas non conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, consonte o disposto no artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, así como, de ser o caso, a acreditación do pagamento da correspondente taxa. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial de Galicia, das instalacións debidamente acreditadas e/ou inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.

Cada convocatoria determinará o prazo de presentación de solicitudes, que non poderá ser inferior a un mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210824/AnuncioG0599-110821-0001_gl.pdf