A toma de decisións e a planificación do futuro profesional son dous dos eidos nos que pon o foco o Proxecto Mentoring da USC, cuxa inscrición permanece aberta ata o vindeiro 11 de novembro. “Ás persoas participantes proporcionaráselles o contacto cun profesional experimentado da mesma área profesional, que lles ofreza asesoramento, información e apoio para que poidan identificar mellor as súas fortalezas, definir o seu proxecto profesional e aproveitar as oportunidades da súa contorna, coa finalidade de mellorar as súas posibilidades de acceso ao mundo laboral”, explican dende a Área de Orientación Laboral da USC.
No transcurso destes contactos establecerase unha relación de apoio no que os/as mentores/as, de forma individualizada, darán a coñecer o seu ámbito e desenvolvemento profesional, e poderán ofrecer asesoramento aos participantes sobre a forma de abordar a transición ao mundo laboral.
Obter coñecementos da área de traballo de interese, enfocar a busca de emprego dende a perspectivas das persoas empregadoras, coñecer profesionais do sector de interese, ou coñecer outras alternativas profesionais son algúns dos horizontes que persegue esta iniciativa da USC que se vai consolidando no tempo xa que esta é a súa sétima edición. Clarificar dúbidas sobre a profesión elixida, obter unha perspectiva realista do mundo laboral, obter apoio para a definición do obxectivo profesional e de itinerarios formativos, así como acadar coñecementos específicos e prácticos sobre a profesión do/a mentor/a, e apoio para mellorar e adaptar o perfil profesional ao mercado laboral son outros dos eixos que vertebran o programa.
A sétima edición de Mentoring está dirixida a alumnado de último curso de grao ou máster matriculado no presente curso académico, así como a titulados/as de Máster no curso 2020/2021 ou graduados/as no pasado ano académico.