Consellería de Cultura, Educación e Universidade
ORDE do 17 de decembro de 2021 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).
As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuar formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio (ED312C)
Proba de acceso ao grao medio, requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para accederen a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de realización da proba.
Proba de acceso ao grao medio, datas e lugares de inscrición A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2021/22.
O prazo de presentación estará abranguido entre os días 3 e 16 de marzo de 2022, ambos os dous incluídos.
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior (ED312D)
Proba de acceso ao grao superior, requisitos das persoas participantes
Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.
Proba de acceso ao grao superior, datas e lugares de inscrición A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2021/22.
O prazo de presentación estará abranguido entre os días 31 de xaneiro e 11 de febreiro de 2022, ambos os dous incluídos.
INFORMACIÓN COMPLETA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220112/AnuncioG0598-171221-0001_gl.pdf