XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

22. 01. 31

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2022, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento ED504B).

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2022.

Actividades de formación convocadas

1. As actividades que se convocan, cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso de linguas estranxeiras.

2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2022, coa excepción das actividades para o 2º curso de bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto, e das actividades de integración, que se desenvolverán no inicio do curso 2022/23.

O custo total de cada actividade inclúe:

a) Os gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos.

b) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

c) Os gastos de docencia e o material escolar.

d) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

e) Os gastos de mantenza e aloxamento.

f) O certificado de realización da actividade.

g) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2021/22, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2020/21.

c) Ter acadado no curso 2020/21, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensinanza secundaria obrigatoria para as prazas convocadas para o 1º de bacharelato e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas convocadas para o 2º curso de bacharelato.

d) Para as actividades de integración, estar matriculado/a, no curso 2021/22, nun centro da Rede de centros plurilingües.

e) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

f) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade, farase constar, como documento identificativo, o do pai ou da nai ou do titor ou titora legal.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220131/AnuncioG0598-120122-0003_gl.pdf