Consellería de Cultura, Educación e Universidade
RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2022/23.
Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:
a) Para o acceso ao ciclo inicial ou primeiro nivel de grao medio, dispor do título de graduado en educación secundaria obrigatoria na opción de ensinanzas académicas ou na de ensinanzas aplicadas, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo. Para o acceso ao ciclo final ou segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do ciclo inicial ou primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir a superación dunha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo.
b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación que se establece no anexo I desta resolución, ademais de cumprir os outros requisitos de carácter xeral e específico establecidos. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.
c) As persoas que, estando matriculadas no cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a respecto de reclamación das cualificacións do curso 2021/22, deberán presentar igualmente a solicitude de inscrición no prazo establecido na instrución quinta, e poderán realizar a proba de acceso de grao medio de carácter específico. De permitir o resultado da reclamación a obtención do título de educación secundaria obrigatoria, estas persoas serán avaliadas da proba de carácter específico realizada.
d) A superación da devandita proba substitutiva do requisito de titulación de grao medio dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel I a que se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.
e) A proba substitutiva do requisito de titulación de grao medio poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas: 1º. Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional. 2º. Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional. 3º. Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño. 4º. Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño. 5º. Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. 6º. Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.
O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria e/ou na proba específica de grao medio será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 29 de xuño de 2022, ambos os dous incluídos.
O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 23 de maio de 2022, ambos os dous incluídos.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220421/AnuncioG0598-080422-0001_gl.pdf