CONSELLERIA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE PUBLICA A REGULACIÓN DAS PROBAS DE ACCESO AOS CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR DE FORMACIÓN PROFESIONAL

23. 01. 05

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 5 de decembro de 2022 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas. 

As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.

Validez das probas de acceso

1. De acordo co artigo 42 do Decreto 114/2010:

a) As probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior terán validez en todo o territorio do Estado. O acceso a cada ciclo formativo de grao superior quedará determinado de acordo coa partes específica da proba superada.

b) Quen realice a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a supere na súa totalidade poderá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos en Galicia, durante os dous anos seguintes. 2. As exencións concedidas ao abeiro da presente convocatoria manterán a súa validez nas futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de formación profesional en Galicia, sempre que se manteña a estrutura da proba.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230105/AnuncioG0655-091222-0001_gl.pdf