CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE
ORDE do 18 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao Programa 2026-2027 (código de procedemento CT110A).
As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais.
O persoal bolseiro realizará a súa actividade nos arquivos do Sistema de arquivos de Galicia que conten con persoal técnico arquiveiro. Serán tutelados polo persoal técnico dos centros receptores, sen prexuízo da coordinación e seguimento realizados pola consellería competente en materia de cultura.
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que se acredite un mínimo de 75 créditos nas materias de historia, arquivística e/ou xestión documental.
2. Acreditar coñecemento da lingua galega, nivel perfeccionamento, mediante certificado oficial ou Celga 4.
3. Non desfrutar, con anterioridade á publicación desta convocatoria de bolsas, dun período de tempo igual ou superior a 6 meses destas mesmas bolsas, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral competente en materia de cultura, unha vez adxudicada a bolsa.
4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.
As bolsas terán unha duración máxima de 12 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral competente en materia de cultura de acordo co centro de destino.
Darán comezo dentro do prazo que se estableza na resolución, non antes do 1 de xullo de 2026.
O importe bruto mensual de cada bolsa será de 1.055,00 €
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260112/AnuncioG0766-191225-0002_gl.pdf
