Axencia Galega da Calidade Alimentaria RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2021/22 (código de procedemento MR207A).
O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Lourizán (Pontevedra), o CFEA de Sergude (Boqueixón), o CFEA Pedro Murias de Ribadeo e o CFEA de Becerreá, adscritos á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dispoñen de residencias de estudantes que prestan un servizo complementario ao desenvolvemento educativo da poboación do medio rural, e facilitan a asistencia ás clases dos ciclos de formación profesional agraria de grao medio e grao superior que se imparten nestes no curso académico 2021/22:
• CFEA Lourizán: Ciclo formativo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. Ciclo formativo de grao superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.
• CFEA Sergude: Ciclo formativo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. Ciclo formativo de grao medio en Produción Agropecuaria. Ciclo formativo de grao superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal. Ciclo formativo de grao medio en Produción Agroecolóxica.
• CFEA Pedro Murias: Ciclo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (FP Dual).
• CFEA Becerreá: Ciclo formativo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. Ciclo formativo de grao superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.
As prazas que se ofertan nesta convocatoria son de dous tipos:
a) Residencia en pensión completa. A modalidade de residencia en pensión completa inclúe o uso dunha habitación e aseo compartidos e o dereito a almorzo, xantar e cea. As persoas que teñan asignada unha praza en pensión completa na residencia poderán facer uso dela todos os días lectivos do centro que non sexan vésperas de festivo. O horario de funcionamento da residencia do CFEA de Lourizán será de luns ás 8.00 horas ata o venres ás 15.00 horas. No caso da residencia do CFEA de Sergude será de domingo ás 21.00 horas ata o venres ás 15.00 horas.
b) Comedor para o curso completo. A modalidade de comedor para o curso completo dá dereito a xantar na sala de comedor durante todo o curso de luns a venres, todos os días lectivos do centro en que se oferte o servizo. A oferta do servizo variará dun centro a outro en función da organización da actividade lectiva.
O prazo de presentación das solicitudes será do 20 de xullo ao 30 de xullo de 2021.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210719/AnuncioG0528-060721-0001_gl.pdf