XUNTA DE GALICIA CONVOCA 250 BOLSAS DE EXCELENCIA PARA A MOCIDADE DO EXTERIOR CO FIN DE CURSAR ESTUDOS DE MASTER QUE SE INICIEN NO CURSO 2022/23

22. 02. 03

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega (código de procedemento PR911A)

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento (código de procedemento PR911A).

Os másteres universitarios ofertados para os cales se concederán as bolsas son só os sinalados na lista do anexo I desta resolución, onde se recolle a universidade galega e o campus en que se imparten, así como o número de créditos ECTS de cada un deles.

Para a concesión destas bolsas é necesario que se acredite de xeito previo estar matriculado/a nun máster dos sinalados na dita lista do anexo I, nun mínimo de 60 créditos ECTS e modalidade presencial ou semipresencial.

Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no momento da presentación da solicitude:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir fóra de España.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos: e.1. Ser emigrante nacido/a en Galicia. e.2. Ser emigrante non nacido/a en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar. e.3. Ser descendente por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.

f) Ter rematado e estar en posesión dalgunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico/a, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico/a ou outra declarada equivalente de forma expresa, que dea acceso a un máster universitario.

g) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estaren vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.

As bolsas terán a duración correspondente aos cursos académicos necesarios para realizar a totalidade dos créditos de que conste o máster:

– Nos másteres de 60 ou 72 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico, o período de desfrute será o curso académico 2022/23.

– Nos másteres de 90 créditos ECTS, que equivalen a un curso académico e medio, o período de desfrute será, ademais do sinalado no parágrafo anterior, o curso académico 2023/24.

O desfrute da bolsa estará condicionado a que se imparta o título oficial de máster para o cal se realizou a matrícula.

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 29 de abril de 2022, ás 23.59 horas (hora peninsular española).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220203/AnuncioG0595-040122-0008_gl.pdf