VALEDOR DO POBO CONVOCA DÚAS BOLSAS DESTINADAS A PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL PARA A FORMACIÓN PRÁCTICA

22. 06. 30

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2022 pola que se convocan dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade intelectual para a formación práctica neste organismo.

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir os seguintes requisitos:

– Ser españolas ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales en virtude de tratados internacionais sexa aplicable a libre circulación de persoas.

– Ser persoas con discapacidade intelectual nun grao igual ou superior ao 33 %.

– Posuír a titulación de formación profesional que se pretende complementar coa formación práctica.

– Non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, no último ano, contado a partir da data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia ou, cando menos, que tal experiencia non exceda os tres meses en tal período.

– Non ter bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no último ano.

– Ser maiores de 18 anos. As persoas nas cales concorran discapacidade intelectual e psíquica só poderán presentarse a unha das convocatorias do ciclo; é dicir, as persoas que xa se presentasen á anterior convocatoria para persoas con discapacidade psíquica non poden presentarse á presente para persoas con discapacidade intelectual, posto que, de acordo co disposto na anterior convocatoria, non poden presentarse ás dúas.

A persoa beneficiaria da bolsa disporá:

a) Dunha asignación mensual de 600 euros, suxeita á retención que legalmente proceda.

b) De protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.

c) Dun seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 euros.

Duración

As bolsas terán unha duración de dez meses e desenvolveranse de forma simultánea.

As bolsas non poderán ser prorrogadas.

Ao finalizar entregarase un certificado acreditativo

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220630/AnuncioG2022-160622-0001_gl.pdf