CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE
ORDE do 24 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2022 e 2023 (código de procedemento TR301V)
Esta orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiadas pola referida consellería, código de procedemento TR301V, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego, obradoiros de emprego e accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia
Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto desta convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda, nos termos do disposto no capítulo IV e no anexo II da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.
Para os efectos do indicado no número 1 deste artigo, terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e con situación laboral como non ocupadas, na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.
Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, naqueles supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de desenvolvemento da acción formativa.
Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación. A persoa beneficiaria débese comprometer a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixa de cumprilos, estará obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.
As bolsas e axudas reguladas por esta orde, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas indicadas no artigo 1, son as que a seguir se relacionan:
• Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:
– Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.
– Persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego.
– Membros integrantes dunha familia numerosa.
– Membros integrantes dunha familia monoparental.
• Axudas de transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.
• Axudas para manutención.
• Axudas de aloxamento e manutención.
• Axudas á conciliación.
• Axudas para vítimas de violencia de xénero.
O dereito do alumnado a percibilas referirase a cada día de asistencia na correspondente acción formativa, debidamente acreditada a través dos medios de control da asistencia aplicables.
De acordo co establecido no artigo 23.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, no relativo ao limiar mínimo de tramitación, deberá existir un mínimo acumulado de 100 € por persoa desempregada participante nas accións formativas para proceder á tramitación das bolsas e axudas.
Naqueles supostos en que, pola duración do curso ou do período de concorrencia do feito causante, os días de asistencia á formación non permitan chegar ao dito mínimo de 100 € por persoa, a tramitación realizarase ao remate da acción formativa, pola fracción correspondente. O sinalado no anterior parágrafo non impedirá que a xefatura de servizo competente na materia poida determinar a tramitación de bolsas e axudas por importes inferiores se as posibilidades de xestión e a carga de traballo da unidade administrativa o permiten.
O alumnado que participe en accións formativas impartidas, total ou parcialmente, na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual terá dereito a percibir, sempre que quede debidamente acreditada a súa participación ou asistencia e cumpra cos requisitos necesarios para a súa obtención, as seguintes bolsas e axudas: bolsa de asistencia por discapacidade recoñecida, bolsa de asistencia por participar nunha acción formativa do seu itinerario persoal individualizado de emprego, bolsa de asistencia por ser membro dunha familia monoparental ou numerosa, axuda por conciliación e axuda a vítimas de violencia de xénero.
A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221028/AnuncioG0656-201022-0001_gl.pdf