XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS AO ALUMNADO DAS UNIVERSIDADES PÚBLICAS GALEGAS PARA ESTADÍAS NALGÚN ESTADO MEMBRO DA UE DURANTE O VERÁN 2023

23. 01. 09

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 21 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2023, co obxecto de coñecer a lingua dese país (código de procedemento ED416A).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, 170 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2023, do alumnado universitario matriculado no curso 2022/23 nalgunha das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED416A).

As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas presencialmente no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2023, ambos incluídos.

A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 1.000 euros.

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario das universidades públicas que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2022/23, como mínimo en 50 créditos, excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados, en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, e ter superado 60 créditos con data do 30 de setembro de 2022, excluídos tamén os recoñecidos, convalidados ou adaptados. O alumnado que estea matriculado no traballo fin de grao poderá incluír os créditos que lle correspondan dentro do mínimo dos 50 créditos exixidos.

b) O curso de idiomas debe ser presencial, ter unha duración mínima de tres semanas, excluídas as datas da viaxe, e un mínimo de 60 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 14 de marzo de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230109/AnuncioG0655-211122-0002_gl.pdf