BOLSA DE FORMACIÓN EN MATERIA DE PROMOCIÓN E DEFENSA DA COMPETENCIA

23. 09. 20

Bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación en materia de promoción e defensa da competencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 

A bolsa de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia en materia de promoción e defensa da competencia ten como obxectivo contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de defensa da competencia.

 Requisitos da persoa beneficiaria

Poderán optar á concesión desta bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional de calquera Estado membro da Unión Europea.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4. Só se lles concederá validez ás titulacións ou aos cursos homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciado/a ou de grao, en dereito, en económicas ou administración e dirección de empresas. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2007 ou posterior. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar homologados ou recoñecidos e producir plenos efectos xurídicos na data de presentación da solicitude.

d) Non gozar na actualidade de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego ou a renda activa de inserción para desempregados.

e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

f) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

g) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Non incorrer en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

Ligazón:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230919/AnuncioG0482-080923-0001_gl.html