AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA
RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia, e se convoca para o ano 2024 (código de procedemento TU981A).
Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de catorce (14) bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU981A).
Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de catorce (14) bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (rúa do Vilar), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (rúa Carretas), 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense (código de procedemento TU981A).
Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea.
b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2019.
c) Idiomas: c.1) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente. c.2) Inglés: deberase achegar certificado B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240318/AnuncioG0256-080324-0001_gl.pdf