CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
ORDE do 27 de maio de 2025 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2025/26 (código de procedemento ED306A).
A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:
1. Estar empadroada ela e os demais membros computables da unidade familiar á que pertenza nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia; este requisito entenderase referido exclusivamente á persoa solicitante cando acredite vida independente nos termos previsto no artigo 9.2 desta orde.
2. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial docente nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite por infracción das normas de réxime interno e de convivencia do centro residencial docente.
3. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2025/26.
4. Non repetir curso nin ter abandonado o curso iniciado. Non obstante, o alumnado que non progresou ao curso seguinte ou abandonou o curso iniciado poderá presentar solicitude de praza de residencia unha única vez máis para cursar un estudo distinto
Lugar de residencia da unidade familiar e accesibilidade aos estudos
1. A persoa solicitante deberá estar matriculada nunha concreta modalidade dun nivel educativo ou nunha familia profesional ou especialidade dun ciclo formativo, que:
a) Non se imparta en ningún centro sostido con fondos públicos da localidade galega de residencia habitual da unidade familiar a que pertenza.
b) E tampouco se imparta nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.
2. Excepcionalmente, por circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento destes requisitos, en vista da proposta que efectúe o centro residencial e dos informes que se consideren oportunos.
Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario:
a) Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 18 de xullo de 2025 (este incluído).
b) Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 4 de agosto de 2025 (este incluído).
Prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 1 e o 5 de setembro de 2025, ambos incluídos.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250620/AnuncioG0761-050625-0002_gl.pdf