CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DE MELLORA ENERXÉTICA, DIRIXIDO A PERSOAS AUTÓNOMAS E PEMES CON ACTIVIDADE DE COMERCIO, HOSTALERÍA OU ARTÍSTICO RECREATIVAS

Axencia Instituto Enerxético de Galicia
RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de
subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).

Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:
a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores).
b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema,
como Eurovent ou similar. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida inclúe exclusivamente as instalacións fixas con potencia superior a 5 kW destinadas á climatización, ventilación e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Inclúense equipamentos de xeración que teñan unha cualificación enerxética B ou superior (cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar); tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, e a mellora dos illamentos, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de
medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).
f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.

Serán subvencionables os gastos e os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.
– Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.
– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.

A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.
Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2021.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210413/AnuncioG0474-180321-0003_gl.pdf