CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
ORDE do 22 de decembro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica, dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI460A).
As axudas a que se refire esta orde fan referencia ás seguintes modalidades:
a) Axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero.
b) Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.
c) Axudas para gastos de traslado, repatriación, funeral, inhumación e/ou incineración.
O importe das indemnizacións reguladas nesta orde fíxase na cantidade de dez mil euros (10.000,00 €), que será aboada unha única vez por cada persoa beneficiaria e para o mesmo feito causante, no casos das axudas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero e das axudas dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas con lesións que requiran hospitalización como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.
No suposto de axudas para os gastos de funeral, repatriación, traslado, inhumación e/ou incineración das mulleres e dos fillos e fillas da muller vítima falecidos como consecuencia da violencia de xénero, o importe da indemnización non poderá superar o custe total dos gastos subvencionables. O importe máximo subvencionable será de dez mil euros (10.000,00 €).
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de decembro de 2026.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260107/AnuncioG0762-231225-0001_gl.pdf

