INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS PARA A REPARACIÓN, REHABILITACIÓN E/OU ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2026 pola que se abre a convocatoria, para o ano 2026, das axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

b) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser este o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei de subvencións de Galicia (LSG).

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que lle proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a posibles accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que lle proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que lle proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe total correspondente ao 60% do orzamento subvencionable e ata un importe máximo que resulte de multiplicar o número de vivendas existentes no edificio por 6.000 euros.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260220/AnuncioC3Q2-110226-0002_gl.pdf