XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS DO EMEGA PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO EN GALICIA

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021 (código de procedemento SI429A).

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

O programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora, no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia pola COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Conciliapromotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento. Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma. Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

Requisitos comúns a todas as liñas de axuda:

a) Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída, baixo calquera forma xurídica segundo o sinalado no punto 2.b) deste artigo.

b) A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

c) Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial en Galicia.

d) Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas, con independencia do seu grao de participación no capital social da empresa, deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e estar vinculadas laboralmente á empresa, desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela. Para os efectos deste programa, non se terán en conta as autónomas colaboradoras.

e) Para os efectos deste programa, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido a tempo parcial só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50 % da xornada ordinaria de traballo establecida legalmente ou no convenio colectivo que lle sexa de aplicación.

f) Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta resolución.

g) A iniciativa ou proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no Plan de negocio empresarial. ESTE INFORME É REALIZADO POLA  AEDL DO CONCELLO DA ESTRADA. 

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da interesada.

i) Non ter percibido axudas ao abeiro do programa Emega nos tres anos anteriores á data do inicio da actividade económica no caso das liñas Emprende e ITEF. No caso da liña Activa, nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria. De telas percibido, o dito prazo computarase desde a data da notificación da resolución de concesión da anterior axuda.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210714/AnuncioG0599-290621-0001_gl.pdf

Desde o departamento de emprego do Concello da Estrada, botáosche unha man para a súa tramitación! Podes chamarnos ao telefono 986 677 740 ou pasarte directamente polas nosas oficinas!!! E lembra!! É REQUISITO IMPRESCINDIBLE QUE CHE VALIDEMOS O PLAN EMPRESARIAL.